Coñece Melide
Aparece por primeira vez referencia de Melide no século X. O rei Afonso IX concedeu a Terra de Melide ao arcebispo de Santiago. Posteriormente o arcebispo de Santiago, Berenguel de Landoira, levantou un castelo para fortificar a cidade. No ano 1467, durante a revolta dos Irmandiños, reuníronse en Melide e opuxéronse ao arcebispo Alonso de Fonseca e ao nobre Sancho Sánchez de Ulloa. Ao final da revolta é cando se constrúe o Convento do Sancti Spiritus, que é a actual igrexa parroquial.
En 1520 reuníronse en Melide, importantes eclesiásticos e
nobres da época, para acordar unirse en caso necesario en apoio do
rei Carlos I, contra os Comuneiros. Xa en épocas máis recentes,
Melide no século XIX ten protagonismo especial, ao loitar contra
os franceses na guerra da Independencia.
Melide é a capital da comarca Terra de Melide.
Desde sempre, Melide estivo unida ao Camiño de Santiago que a atravesa. Nos seus centros de acollida, o viaxeiro pode descansar da longa viaxe e visitar multitude de monumentos, repartidos pola súa xeografía: a Igrexa de Leboreiro s.XIV, a Igrexa de Sta. María s.XII, a ponte romana sobre o río Seco (Leboreiro), a ponte románica de Furelos s.XII, a capela de San Roque.
Á beira da capela de San Roque está o cruceiro máis antigo de Galicia(S.XIV).
Dentro do casco histórico temos o conxunto monumental, coa igrexa parroquial ou Convento do Sancti Spiritus (s.XIV), con sepulcros do XV e pinturas do XVI, ademais dun retablo barroco. Este conxunto tamén está formado pola capela barroca de San Antonio, ao seu lado a casa consistorial e moi preto o antigo Hospital de Peregrinos, hoxe Museo de Terra de Melide. Varias igrexas de arte románico como as de Golán e Moldes. Sen esquecernos da máis recente da Virxe do Carmen.